A Xunta aproba o plan de ordenación dos seus recursos e dótao dun orzamento de 6,3 millóns de euros en cinco anos.
Os concellos de Bande, Lobeira e Calvos de Randín súmanse agora aos de Entrimo, Lobios e Muíños para formar o Parque Natural de Baixa Limia-Serra do Xurés. Con esta incorporación, que é voluntaria, o espazo protexido pasa de ocupar 20.920 hectáreas a ocupar preto de 30 mil. Así o adiantou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, quen anunciou un orzamento de 6,3 millóns de euros para o plan de ordenación, que se destinará a catalogar os recursos, conservar a súa biodiversidade e estabelecer medidas de xestión que compatibilicen o desenvolvemento sustentábel co económico.
Nesta liña, permitiranse os aproveitamentos agrícolas e gandeiros que minimicen as afeccións ao territorio, é dicir, primaranse as axudas ás explotacións agrarias tradicionais e prohibirase a implantación de especies invasoras. Ademais, no parque estará permitido o cultivo e cría de razas representativas de Galiza e estará prohibido o uso intensivo do lume. Outro dos obxectivos é o de consolidar o proxecto de creación dunha grande área protexida transfronteiriza xuntando o galego co parque portugués do Gerês. Cunhas 100 mil hectáreas, esta zona xa foi proposta á Unesco como Reserva da Biosfera.
Plan reitor do Monte Aloia
Doutra banda, o executivo tamén aprobou o plan de uso e xestión do Parque Natural do Monte Aloia (Tui-Baixo Miño), que conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros e que tamén pretende a súa conservación, así como regular o seu aproveitamento forestal e o seu uso público. Dividirase así en tres zonas: de uso restrinxido, de uso moderado e de uso xeral.