O líder indiscutíbel do Xacobeo Galiza debullou o presente e futuro do equipo, analizando as perspectivas coas que chegan ao seu primeiro Giro.
Co inicio da tempada ciclista chegou a volta ás estradas do Xacobeo Galicia, o equipo profesional do país que afronta agora o seu terceiro ano de historia coa participación no Giro d´Italia como principal novidade. Vieiros quixo analizar a actualidade do equipo co que Álvaro Pino define como o "líder natural" da formación, Ezequiel Mosquera.
Na Vuelta a Murcia vímoste por primeira vez cos ciclistas de cabeza. Como te atopas agora, a menos de dous meses do inicio do Giro?
A verdade é que atopeime mellor do que esperaba. Eu sempre comezaba os anos forte e este ano como a tempada vai ser longa arrincamos máis suave, gardando forzas para o Giro. Fomos a correr tres dias a Italia, ao Giro dei Grosetto, alí ían moi rápido e collín algo de ritmo, porque en Murcia non contaba con estar adiante na etapa raíña. Ademais cheguei con dous quilos de máis pero tiven un día bo e, como dicimos nós (risos), apertei o cu e todo foi ben.
Este ano marcharon varios ciclistas e chegaron catro novas fichaxes. Como ves ao equipo despois dos primeiros contactos coa competición?
Vexo un equipo novo, tanto en anos dos ciclistas como nos da entidade. Aquí hai moita xente que tivo o seu primeiro contacto co profesionalismo no Xacobeo. Algúns exemplos son Mourón, Rabuñal, Delio, que xa teñen que ir asumindo responsabilidades e poden facer cousas importantes. Dos que chegaron este ano tamén debuta como profesional Alberto Fernández, que cando a carreira se empina demostrou que lle van ben as pernas. Despois estamos os da vella garda, que temos máis responsabilidades. Temos un equipo preparado para estar adiante en calquera batalla, e o único que nos falta quizais é un sprinter, pero iso tamén nos libera do traballo que supón para o equipo ter que prepararlle a loita polas vitorias de etapa. No 2008 tivemos unha gran tempada e o principal problema que teñen estes anos é que ao ano seguinte hai que igualalos ou superalos. A receita é clara: ambición, ganas e traballo ben feito.
Cales son as túas aspiracións para a gran novidade do equipo este ano, que é o Giro?
Tendo en conta que é unha carreira para escaladores deberíaseme dar ben e o normal é que estivera diante, mais todo depende de como me atope na carreira. Hai que chegar alí e ver como van pasando os días para despois decidir si o meu obxectivo é loitar pola clasificación xeral ou disputar etapas de montaña. Ao Giro chegamos con ilusión por ser a novidade, pero tamén quero estar forte é na Vuelta porque foi a carreira que me deu todo como ciclista e gustaríame disputala mentres siga correndo.
A quen ciclistas ves con máis opcións de acadar a vitoria nesta edición da volta italiana?
Os grandes favoritos son os corredores italianos, que afrontan o Giro con moitas máis ganas das que os españois corren a Vuelta ou os franceses o Tour. En Italia hai grandes corredores para os que o Giro é o máximo ao que aspiran. Despois hai que ver se xente como Armstrong, Sastre ou Menchov van de verdade a loitar pola vitoria ou a preparar o Tour, xa que é moi difícil estar ao máximo nivel nas dúas competicións.
Supoño que para ti ten un significado especial ter a posibilidade de correr no equipo da túa terra, despois de moitos anos de profesional, non é?
O equipo mantén a estrutura dos outros anos. Nós temos unha gran similitude co Euskaltel, aínda que eles son todos vascos e no noso caso somos galegos o 60% ou 70% dos ciclistas. Ademais de competir e gañarte a vida falo no equipo da túa terra, polo que resulta aínda máis gratificante. É importante para nós ver que a xente está pendentes do que fas e séntense identificados. Eu deime conta o ano pasado cando non deixaban de pararme pola rúa despois da Vuelta e da gusto ver que en Galiza a xente apoia e coñece este equipo.
Pensas que esa sensación é común aos teus compañeiros?
Está claro que o Xacobeo é o obxectivo de calquera corredor afeccionado galego e todos nós estamos moi cómodos e orgullosos de correr aquí. Eu non me cambiaría pola situación que ten o ciclista dun equipo Pro Tour, e penso que os meus compañeiros tampouco.
Concordas coa idea de que a irrupción do Xacobeo animou o panorama ciclista galego, dende a base até aqueles homes que están máis próximos ao profesionalismo?
Claro que axuda, e de feito o presidente da federación xa nos ten comentado que o Xacobeo tivo unha influencia decisiva no aumento das licenzas experimentado os últimos anos. Un cambio importante é que moitos corredores que estaban nas categorías de afeccionado ou sub-23 apurábanse a deixar a bicicleta por causa do desánimo e agora vemos moitos ciclistas dese nivel traballando duro. Este cambio débese a que agora ven que se es un ciclista afeccionado que destaca moito tes serias posibilidades de pasar a profesional. No meu tempo era moito máis difícil e fomos moitos os que tivemos que emigrar para Portugal.
O anterior goberno apostou forte polo Xacobeo, tanto na súa creación como no seu salvamento cando o principal patrocinador tivo problemas. Pensas que a mudanza política pode influír no voso futuro, unha vez que remate o actual compromiso co Xacobeo?
E a nivel político non sei o que pasa aí arriba, pero podo dicir que o Xacobeo veu ao noso rescate pero despois sacaron moita rendibilidade de nós e por iso despois decidiron apostar polo equipo dous anos máis. Este equipo ofrece unha bo rendemento económico e por iso non estou moi preocupado xa que, en teoría, non deberiamos ter problema para atopar financiamento independentemente de quen goberne. A sociedade galega demandaba un proxecto como este e eu penso que callamos nela, polo que agora espero que botemos moitos anos.