A semana que vén recibirá o premio de honra 'Marisa Soto' na cerimonia dos 'María Casares' polo seu labor de divulgación.
O premio de honra 'Marisa Soto' recoñece cada ano o labor de persoas ou colectivos que traballan a prol das artes escénicas galegas. Na súa edición 2009 o premio irá por vez primeira para un xornalista (no 2005 recibiuno Luís Álvarez Pousa, pero valorando sobre todo o seu labor de xestor); recoñécese a Ana Romaní (Noia, 1962), polo seu traballo a prol do teatro, do audiovisual e da cultura galega en xeral, á fronte do Diario Cultural da Radio Galega, que dirixe dende hai 19 anos.
Fálase de que o teatro galego e a cultura galega debe atopar e/ou crear o seu público; destácanse os avances nos ámbitos da produción, na internacionalización, na creación de canles de distribución e de novos espazos de exhibición e consumo. Pero bótase en falta a conexión cos grandes públicos. Aí é onde entran os medios de comunicación, e os xornalistas. "É unha gran responsabilidade dos medios, sobre todo da radio pública", concorda Ana Romaní, que defende que os medios deben xerar "espazos de divulgación e debate, espazos de diálogo e facilitar a comunicación entre as diversas formas artísticas e un público igualmente diverso".
O Diario Cultural da Radio Galega leva en antena dende 1990, 19 anos nos que dirixido por Ana Romaní se converteu no auténtico espazo de referencia da cultura galega: "é unha carreira de fondo, que debe ter continuidade", di, e engade que "o interese que xera o Diario Cultural é froito dun traballo de moitos anos que igual non ten resultados inmediatos pero que é imprescindible". De cara ao futuro, Romaní defende que o programa debe continuar adaptándose aos cambios que experimenta a sociedade, como veu facendo este tempo, e debe procurar xerar máis debate: "o programa foi adaptándose nestes anos, porque en realidade é un diálogo, e debe adaptarse aos cambios que se producen na cultura e na sociedade. A información cultural debe xerar lecturas, propiciar análises e dar claves".
Unha das características do espazo é que, a diferenza da meirande parte da prensa impresa, segmentada localmente, ofrece unha visión global da produción cultural do país. Permite, pois, que iniciativas xeradas en calquera comarca sexan coñecidas en toda Galiza, "proba", para Romaní, "da riqueza e da diversidade da produción cultural galega".
En canto á situación das artes escénicas en Galiza, Romaní salienta que alén dos avances que debe producirse na formación e na produción, "un dos grandes retos é a posibilidade de ter unha oferta continuada de representacións e tamén a diversificación das propostas, entendendo que o público é moi diverso". Aí está a dificultade de que unha produción se consolide, de que funcione o boca a boca, como de feito sucedeu recentemente con 'Noite de Reis'.
O mércores 25 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña Ana Romaní recibirá o premio, un galardón que en anos anteriores recoñeceu a Rubén García, Dorotea Bárcena. a Asociación Cultural Abrente, Maruxa Villanueva, Manuel Lourenzo ou Agustín Magán.