Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
INFORME DO OGSI

Dous de cada tres concellos implantaron software libre

Nos últimos dous anos, a presenza deste tipo de software aumentou 12 puntos nas empresas TIC e arredor de 30 nas institucións locais.

Redacción - 13:00 24/03/2009

O Observatorio Galego da Sociedade da Información publicou esta terza feira dous informes sobre a implantación do Software Libre en Galiza, que analizan a súa presenza nas empresas do eido da informática e nos concellos. En ambos os casos, nos últimos dous anos produciuse un espectacular aumento na implantación deste tipo de software.

Nas empresas informáticas do país, pasouse do 57,9% que empregaban software libre en 2006 ao 69,3% de 2008. A implantación é meirande nas compañías de entre 10 e 49 empregados, co 76,5%, mentres que nas de 0 a 2 traballadores é do 70,7 e do 66% nas de entre 3 e 9 persoas empregadas. Neste eido empresarial, o software libre é empregado principalmente nos equipos de usuario, e o nivel de satisfacción medio é de 8,1 sobre 10.

O máis valorado polos clientes de produtos de software libre é o aforro de custos, moi por riba da personalización ou das prestacións técnicas. Pola contra, as empresas que non deciden ofertar software libre aducen inadecuación á liña de negocio e falta de demanda polos clientes.

No caso do concellos, o software libre aumentou considerabelmente. En 2008, o 64,6% dos concellos tiñan implantado software libre, 15 puntos máis ca en 2007 e o dobre ca en 2006. O aumento é meirande nos concellos de entre cinco e 20 mil habitantes. Nos de máis de 20 mil a presenza é do 66,7% e nos de máis de 50 mil está xeneralizada.

Tamén neste eido, o software libre está máis presente a nivel usuario en aplicacións ca en sistemas operativos, co 53,5% fronte ao 24,8%. Tamén medrou a presenza de software en galego, do 57% en 2006 ao 73,7 en 2008. O nivel de satisfacción (7,5) é superior ao do software propietario (6,7). Tamén é común a opinión de que a implantación do software libre nos concellos aumentará nos próximos anos. Os motivos para non facelo son o descoñecemento ou falta de información, a complexidade do cambio, a falta de formación ou a incompatibilidade co sistema actual.

Aumentou no último ano, ademais, a formación en software libre facilitada polos concellos, que ofreceu o 20% dos municipios en 2008. A práctica totalidade de concellos de máis de cinco mil habitantes dispón de páxina web e permite a descarga de documentos, dos que o 86% están publicados en estándares abertos. Por outra banda, o software propietario segue a ser predominante nos puntos de acceso público a internet, presentes no 94% dos concellos. Porén, está a medrar a presenza de aplicacións libres, do 33,6% de 2007 ao 49,2% en 2008.

Os dous informes pódense consultar e descargar da web do OGSI, e forman parte dun estudo máis amplo que analiza a implantación do software libre en catro ámbitos estratéxicos: concellos, empresas informáticas, centros de ensino e pequenas e medianas empresas. A enquisa desenvolveuse en setembro e outubro de 2008.


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: