Quince días despois da dimisión do vicerreitor Fernández Prieto, e logo de que Senén Barro non accedese aínda a relevalo.
Senén Barro, reitor da USC
As vicerreitoras e vicerreitores do colectivo Universidade Aberta (UA), anunciáronlle ao reitor da Universidade de Santiago (USC), Senén Barro, "o abandono do goberno da USC". A decisión chega tras dúas semanas agardando a que o reitor formalizase o relevo de Lourenzo Fernández Prieto, despois da dimisión deste do seu posto á fronte da vicerreitoría de Relacións Institucionais.
"Neste contexto, condicionado polas posicións feitas públicas pola PUP e por unha teimosía sen futuro, UA entende que o presente require maior decisión, audacia e valentía", sosteñen nun comunicado asinado por María Dolores Domínguez Santos, vicerreitora de Profesorado e Organización Académica, Xoán Carlos Carreira Pérez, vicerreitor de Infraestruturas, Celia Besteiro Rodríguez, vicerreitora Adxunta de Infraestruturas e Servizos e Elias J. Torres Feijó, vicerreitor de Cultura.
Desde o contorno da Plataforma Universitaria Progresista (PUP), que avala ao actual reitor, daban por roto o acordo de goberno desde hai días. Nese sentido, posicionáronse en favor dunha remodelación do equipo que pilota a institución do que saísen os representantes de UA e entrasen independentes e membros de Converxencia Universitaria (CU), actual socio minoritario.
Reconfiguración do goberno con eleccións no horizonte
"Non se trata de saír do paso senón que é necesario realizar unha reorganización profunda", analizaba ao respecto o reitor da USC, Senén Barro, este martes en conferencia de prensa. "Non vou mirar etiquetas e non aceptarei nomes de ningunha plataforma porque si", explicou Barro ao respecto da súa estratexia de agora en diante.
A ano e medio dunhas eleccións ás que el mesmo non poderá presentarse novamente, xa que finaliza o seu segundo mandato, Barro asegurou non ter "ataduras" para conformar un novo equipo que garanta un futuro "sólido e críbel" para a USC. O reitor confirmaba así que na mañá deste martes os vicerreitores do colectivo Universidade Aberta lle presentaran oficialmente as súas dimisións. "Sinto esta decisión, no persoal e no institucional", indicou. Segundo a explicación de Barro o pacto racha por ser "inasumíbel" a reorganización de "persoas" e "competencias" proposta por UA. Os representantes deste colectivo convocaron para a tarde deste martes unha conferencia de prensa onde exporán a súa reflexión ao respecto do acontecido.