Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
MALA SORTE COAS CAÍDAS

O Xacobeo sobe unha marcha sen deixar de fitar o Giro

Nas últimas carreiras o equipo de Álvaro Pino mellorou o seu rendemento, e o xefe da formación ten decidida a metade do cadro que levará á gran rolda italiana.

Redacción - 13:00 30/03/2009
A melloría de Ezequiel Mosquera está contaxiando aos seus compañeiros

A melloría de Ezequiel Mosquera está contaxiando aos seus compañeiros

O Xacobeo Galica amosou nas últimas carreiras unha clara melloría con respecto ao tímido papel que desempeñou nas primeiras carreiras do ano. O maior expoñente desta evolución é o líder do equipo, Ezequiel Mosquera, que rematou sexto na Vuelta a Murcia, oitavo en Castela e terceiro no Gran Premio de Llodio.

Esta situación é celebrada polo director técnico do equipo, Álvaro Pino, ao recoñecer que "dende Murcia apreciamos unha gran melloría de todo o equipo, non só de Ezequiel". Mais o de Ponteareas tivo louvanzas para o seu líder, do que dixo que "véselle con boa actitude e confianza", engadindo que "cando o líder comeza a funcionar o equipo contáxiase". Pino amosouse satisfeito coa preparación que está facendo o equipo, pensando no Giro d´Italia, e sentenciou que "imos no bo camiño".

Formación do Giro
O director técnico do equipo profesional galego confesou que hai cinco corredores que, en principio, terían garantida a súa participación na rolda italiana, e serían os seguintes: Ezequiel Mosquera, David García, Gustavo César Veloso, Carlos Castaño e Eduard Vorganov. O resto da formación elixirase en función do estado de forma que amosen nas vindeiras carreiras, entre un grupo de candidatos dos que Pino citou os nomes de Gonzalo Rabuñal, Juan Mourón, Valdimir Isaychev, Iban Mayoz ou Delio Fernández.

Caídas
O aspecto máis negativo deste inicio de tempada están sendo as caídas, apartado que inaugurou Iván Raña o día da súa estrea, cunha luxación de ombreiro. Nos últimos días a meiga tocoulle a Gustavo Domínguez, que sufriu unha rotura de clavícula; ou Alberto e Pedro Fernández, que levaron varios puntos de sutura na cara. Sobre este tema Pino dixo que "son rachas que veñen, xa que na bicicleta córrense riscos e ninguén está libre destes perigos". Ademais, quixo debullar un pensamento positivo destes sucesos, e augurou que "non é o peor momento da tempada para que pasen estas cousas e a ver se con isto temos cuberto o noso cupo para o resto do ano".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: