Autor de culto grazas a obras como 'Crash', 'O mundo mergullado' ou 'A exhibición de atrocidades', deixou pegada en Borrazás, Calveiro ou Jaureguízar.
Unha 'distopía' é unha utopía perversa onde a realidade, con extremos apocalípticos, discorre en termos opostos aos dunha sociedade ideal. Foi o xénero no que durante décadas se moveu J. G. Ballard, ideando escenarios perversos para novelas como O mundo mergullado, A sequía, Crash ou A exhibición de atrocidades. Ballard faleceu este domingo aos 78 anos de idade, convertido nun autor de culto que influíu poderosamente a moitos escritores en todo o mundo (e impactou mesmo a Joy Division, que abría o seu segundo disco co tema Atrocity Exhibition).
En Galiza é evidente a ascendencia que ten sobre a obra de Xurxo Borrazás, sobre todo na súa última novela Costa Norte/ZFK, pero tamén sobre outros autores, como Santiago Jaureguízar, que lle dedica un post no seu blog, ou Marcos S. Calveiro, que en Alfaias escribe que Ballard foi "probablemente un dos mellores e máis influintes escritores da segunda metade do Século XX, e un dos meus preferidos".
Ballard non foi tan coñecido polo gran público a través dos seus libros, directamente, pero si polos filmes que se realizaron a partir deles. Aí están, por exemplo, a adaptación de Crash feita por David Cronemberg, ou O Imperio do Sol de S. Spielberg. Ballard deixou escrita súa visión do mundo no texto What I Believe que lle encargou unha revista francesa de ciencia ficción: Creo na non existencia do pasado, na morte do futuro e nas infinitas posibilidades do presente.