Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
SUFRIU UN FORTE GOLPE NUNHA MAN

Un accidente doméstico dificulta a Mosquera a preparación do Giro

O equipo profesional galego acadou na Volta a Turquía a súa primeira vitoria de etapa, e estivo perto de gañar a xeral, onde García foi terceiro e Veloso, cuarto.

Redacción - 13:20 20/04/2009
Ezequiel Mosquera

Ezequiel Mosquera

A mala sorte segue a a ser un compañeiro de viaxe habitual no inicio de tempada do Xacobeo Galicia, e desta volta o damnificado foi o líder da formación, Ezequiel Mosquera. O ciclista de Teo sufriu este domingo un imprevisto doméstico no que magoou unha man, tendo como consecuencia unha forte inflamación.

Malia que as radiografías realizadas o día do accidente non revelaban ningunha fractura, a inchazón e as dores impediron a Mosquera saír a adestrar este luns. Este feito levou aos responsábeis do equipo a dispoñer unhas novas probas nas que se analizará con máis esmero o estado da lesión. Agora hai dúbidas sobre a participación de Mosquera no Giro di Trentino, que comeza este mércores mais, en principio, a súa presenza no vindeiro Giro d´ Italia non debería correr perigo.

Bos resultados na Volta a Turquía
O Xacobeo Galicia acadou durante a pasada semana uns excelentes resultados na Volta a Turquía, onde David García gañou unha das etapas e rematou terceiro na clasificación xeral con Gustavo Veloso clasificado en cuarto lugar. Pola súa parte, Gonzalo Rabuñal gañou o premio da montaña.

García (gañador da xeral en 2008) dixo marchar cun sabor "agridoce" da carreira xa que malia acadar bos resultados "era o máis forte e só unha serie de contratempos me afastaron da vitoria". Álvaro Pino cualificou como "fabuloso" o traballo dos seus pupilos. Dixo que "non conseguimos gañar por mala sorte pero todo o equipo estivo a un gran nivel. Só unha caída nos privou de gañar a clasificación xeral".

Agora os corredores do equipo profesional galego desprázanse até Italia onde este mércores comezaran a participación no Giro di Trentino. Esta carreira axudará a Pino a decidir as dúas pezas que lle faltan para completar o equipo do Giro. Por estes dous lugares loitarán Castaño, Mourón, Isaychev, Mayoz e Paleo. Se o accidente de Mosquera remata sendo só un susto e non se produce ningún outro imprevisto as outras sete prazas ocuparanas o propio Ezequiel, David García, Veloso, Rabuñal, Delio, Marcos García e Vorganov.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



David García e Gustavo Veloso, terceiro e cuarto clasificados da xeral en Turquía
David García e Gustavo Veloso, terceiro e cuarto clasificados da xeral en Turquía
David García (dereita) no podio da carreira
David García (dereita) no podio da carreira
Gonzalo Rabuñal recibindo o premio por gañar a clasificación da montaña
Gonzalo Rabuñal recibindo o premio por gañar a clasificación da montaña