Un colectivo leva meses recollendo apoios para a homenaxe ao poeta do Courel e xa llos entregou á RAG para realizar a petición oficial.
O 30 de outubro de 2009 farán dez anos dende que Uxío Novoneyra faleceu. O 2010 podería ser, pois, o ano no que a Academia lle dedique o Día das Letras ao Poeta do Courel. Así o pide un colectivo de persoas que dende hai case dous anos está realizando unha grande actividade na rede, e que xa recabou máis dun milleiro de apoios individuais, ademais do de numerosas asociacións culturais e sociais. O pasado mes de abril Amigos de Uxío Novoneyra entregoulle ao presidente da Real Academia Galega as 1.041 sinaturas de apoio, entre as que están as mensaxes de José Viale Moutinho, Juan Gelman ou Agustín Fernández Paz:
"Chegaría un único verso para apoiar a candidatura ('Non, a forza do noso amor non pode ser inutle!')" (Agustín Fernández Paz), "Apoio incondicionalmente a candidatura do nosso grande poeta (Antonio Miranda, poeta, Director da Biblioteca Nacional de Brasilia), "Parabens pola iniciativa. Contades có meu apoio" (Adela Figueroa), "Apoio a candidatura pra que o dia das letras galegs do 2008 seja dedicado a este incrivel poeta nosso!! que é Uxio Novoneyra" (Concha Rousia), "Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe ..." (Enrique Banet), "A Uxio devemos, para além da sua extraordinária humanidade, poemas, como Vietnam Canto, que cumpriram uma missão e são Arte. E a Poesia Galega deve�?lhe uma força experimental da mais alta qualidade. Fomos amigos e rendo�?lhe homenagem" (José Viale Moutinho), "Es para mí un honor apoyar el homenaje a Uxío Novoneyra, que le es debido hace años" (Juan Gelman), "Estou plenamente de acordo co merecidísimo recoñecemento de Uxío como fértil autor e digno homenaxeado das Letras Galegas" (Mero Iglesias), "Imprescindibel o nomeamento de uxio pra as letras galegas do 2010 e o gran poeta de galiza e da sua natureza natureza. Galicia, será a miña xeneración quen te salve, irei un dia do Caurel a Compostela por terra liberada..." (Miro Casabella), "Uxio Noveneyra, entre os dous mundos, Galiza e Xapon" (Takekazu Asaka), "Se Uxío volvera e necesitara un escudeiro quixesa selo eu" (X.H. Rivadulla Corcón), "Con Uxío, por terra liberada" (Xosé Antonio Gaciño)...
A petición conta, ademais, co apoio de ducias de asociacións culturais e colectivos sociais, que tamén queren un ano das letras dedicado ao poeta do Courel: ADEGA, Ágora Cultural (Lugo), Asociación Cultural A Pipa (Becerreá), Asociación Cultural Amigos do Patrimonio de Castroverde, Asociación Cultural Independente Formigueiros (A Ferrería-Seoane do Caurel), Asociación Cultural Xohán de Requeixo (Chantada), Asociación Cultural 'Fonte do Milagro' (O Courel), Asociación Ecolóxico-Cultural SOS Courel, Galiza Sosego, ou a Sociedade A Nosa Galiza (Suíza), entre outras.
Será o 2010 o ano de Uxío Novoneyra? Ao igual que outros anos soan outros nomes, pero de seguro que ningún deles conta cun apoio popular tan importante coma o do autor de Os Eidos, Poemas caligráficos, Libro do Courel ou Muller pra Lonxe. Será o 2010 cando Uxío vaia "do Caurel a Compostela por terras liberadas"?.