Denuncia que o alto comisionado tenta complicar burocraticamente todas as queixas por vulneración do dereito a usar a lingua galega.
Logo de que o Valedor do Pobo presentase hai uns días o seu informe anual sobre as queixas achegadas pola cidadanía galega e que constatase que o uso da lingua non era unha das reclamacións máis recorrentes, a Mesa pola Normalización Lingüística acusa a Benigno López de falsear os datos. Carlos Callón tachou o alto comisionado de "partidista" e de facer unha lectura "galegofóbica" das estatísticas.
O presidente da Mesa pola Normalización asegurou que o Valedor trata, deste xeito, de silenciar os casos de discriminación do galego. Segundo explica, Benigno López "inclúe episodios diversos, acontecidos a diferentes persoas, nun único expediente". Así, Callón insiste en que, malia que a institución rexistrou un total de 150 queixas por vulneración de dereitos lingüísticos, "á hora de subliñar, López centrou a súa atención en temas que rexistraron menos reclamacións, como é o do incumprimento da Lei de Dependencia". Nesta liña, pediu a dimisión do alto comisionado, ao que se referiu como "valedor do PP, non do pobo", e lamentou a perda de prestixio da institución que representa.
Atrancos coas denuncias da Mesa
Doutra banda, Callón tamén acusou ao Valedor de "tentar complicar burocraticamente todas as queixas por vulneración do dereito a usar o galego" e mesmo de "non tramitalas". Como exemplo puxo a reclamación na que a Mesa alertaba de que os sinais das autoestradas exclúen totalmente o galego (ao contrario do que indica a lei). Dende a institución responderon que deberían indicar o punto quilométrico exacto de cada un dos sinais aos que se referían. "Como lles dixemos que iso acontenía en todos os casos e non sinalamos cada punto quilométrico, pois non tramitou a nosa queixa", láianse.
Igualmente, a asociación denuncia que cada vez que o Valedor recibe unha queixa en materia de lingua remítea unicamente á Secretaría Xeral de Política Lingüística, que non ten capacidade decisiva en moitos temas, cando a obriga legal sería dirixilas cara a administración implicada en cada caso.