Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
COMUNICADO Á XUNTA

Dende Catalunya cuestiónase a nova política lingüística da Xunta

Os docentes de Filoloxía Galega en Catalunya manifestan a súa preocupación polas medidas adoptadas pola Xunta nun comunicado que reproducimos integramente.

Lectorados de galego na UB e na UAB - 08:00 19/06/2009

Comunicado enviado o 17 de xuño de 2009 ao Presidente da Xunta (con copia ao Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria):

O equipo docente de Filoloxía Galega da Universitat de Barcelona e da Universitat Autònoma de Barcelona quérelle manifestar a súa fonda preocupación pola situación da lingua galega ante as medidas adoptadas ou anunciadas pola Xunta de Galicia. Estas medidas na nosa opinión só poden favorecer a desprotección da lingua en ámbitos sociais como o ensino non universitario e a función pública, onde é unha obriga legal a súa promoción por parte do goberno autonómico.

Sumámonos aos argumentos manifestados polos Departamentos de Filoloxía Galega das tres universidades de Galicia nesta cuestión e, dende a nosa posición como profesionais fóra de Galicia, gustaríanos achegar algunhas consideracións para a reflexión.

Coidamos que a imaxe que Galicia quere proxectar de si mesma cara ao exterior é fundamental, non só para a axeitada difusión da nosa cultura, senón tamén para a promoción económica e social dunha imaxe de marca que debe aspirar á solvencia e á calidade. Neste senso, a desvalorización do propio patrimonio que se pode percibir a través deste proceso que cuestiona desde dentro a importancia da nosa lingua, parécenos que só pode conducir ao descrédito para a imaxe xeral do país.

Nunha situación de desigualdade manifesta cara á lingua galega, para a súa preservación, é absolutamente necesario que haxa un trato compensatorio da lingua máis desfavorecida. Tratar de maneira idéntica situacións de desigualdade pode ter efectos contrarios á convivencia de lingua. Ningunha escolla lingüística é posible se non se ofrece máis de un elemento para realizala. Xa que logo, o falante de galego debe ter garantidos os seus dereitos.

Existe a falacia de que os pais deben escoller a lingua na que os seus fillos deben ser educados no ensino público, apoiándose nos dereitos individuais. Non se ten en conta que, como ben explica Isidor Marí: “cadaquén de nós só pode exercer os seus dereitos persoais se a colectividade na que vive lle proporciona a oportunidade de facelo. O noso dereito ao traballo depende da organización do mercado; o noso dereito á saúde do sistema sanitario; o noso dereito a escoller a lingua en que queremos ver unha película ou mercar un programa de ordenador non é máis que unha ficción se o marco xurídico non garante que haxa oferta na nosa lingua”. A persoa só pode exercer os seus dereitos no seo dunha sociedade.

Se a lexislación e as actuacións públicas dan un trato preferente ao galego sen dúbida hase conseguir unha sociedade de individuos plurilingües; en cambio se actúan perseguindo un bilingüismo equilibrado chegarán a reducila ao monolingüismo en castelán.

O equipo docente de Filoloxía Galega da Universitat de Barcelona e da Universitat Autònoma de Barcelona

Barcelona, 17 de xuño de 2009


4/5 (17 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: