O voceiro nacional do BNG advertiu de que o acontecido é "un asalto ao poder por parte dunha trama de persoas encartadas en episodios de corrupción urbanística".
"A ética do señor Feijóo xa sabemos que dá de si", valorou o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez ao respecto do acontecido. "Dixo por activa e por pasiva que ningún cargo electo do PP duraría no seu partido nin cinco minutos se estivese implicado en casos de corrupción", recordou Vázquez, criticando que agora o líder do PpdeG poña de manifesto que "esa declaración era pura palabreiría dun dirixente político para o cal todo vale con tal de conseguir o poder".
"Existe unha liña divisoria infranqueábel entre un BNG que abandeira a loita contra a corrupción urbanística e un PP que, e Galiza e no Estado, mantén nos seus cargos a persoas procesadas por prácticas corruptas", denunciou Vázquez. O líder do nacionalismo considerou o acontecido como "un asalto ao poder por parte dunha trama de persoas encartadas en episodios de corrupción urbanística, concelleiros electos nas listas do PP e do PSOE, e, e isto é o peor de todo, co apoio tácito dun presidente da Xunta que non abriu a boca para desautorizar esta moción". Na súa opinión, o paso do tempo "vai poñer a cada quen no seu sitio e acabará por restituír a Antonio Araúxo como o alcalde que merecen os veciños e as veciñas".