Arredor de catro mil fotografías poderanse ver en seis computadores habilitados seis horas ao día no museo da cidade.
A Casa das Artes de Vigo acolle unha parte dos fondos dixitalizadas do arquivo Pacheco. As persoas que o desexen poden consultar unhas catro mil fotografías dixitalizadas, que amosan retratos, actividades ou edificios da cidade no pasado.
Porén, o acceso será limitado. Só se poderán ver en seis computadores que estarán dispoñíbeis de luns a venres de 10 a 13 horas e de 18 a 21. En todo caso, o tenente de alcalde de Vigo, Santiago Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Xesús López, valoraron que, por primeira vez, a poboación poida acceder a unha parte destes fondos, integrados por máis de 150 mil fotos, das que un terzo xa se dixitalizaron.
Domínguez explicou que o arquivo fora "pechado polo PP" e que, coa súa reapertura, cúmprese "unha vella demanda da cidade". Tamén confirmou que se seguirán a recuperar os fondos, co fin último de abrir un Museo da Fotografía.
Segundo explicou o coordinador da recuperación do arquivo, Víctor Vaqueiro, os obxectivos da exposición son o goce dos visitantes e contribuír a recuperar a historia colectiva. O Concello de Vigo pedirá a colaboración da cidadanía para que axude a identificar os lugares e protagonistas das fotografías, os seus nomes ou o momento en que foron retratados, entre outros datos.
Tamén se está a estudar a posibilidade de facilitarlles copias ás persoas que queiran conservar imaxes coas que teñan algún interese persoal ou familiar, e a de vender reproducións do arquivo Pacheco en xeral, de propiedade municipal.