"E para chegar a estas conclusións da Consellaría de Educación era preciso o despilfarro de 300.000 euros?", preguntan desde este sindicato.
Desde o Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) subliñan primeiramente que "esta pseudo-enquisa non pode presentarse como se fose un estudo serio para orientar a política lingüística que precisamos". Recordan todos os detalles que cuestionan o proceso, comezando `pola lexitimidade en canto ao fondo e a forma: enunciado confuso das pregunta dando a entender que se estaba a escoller todo o ensino en galego cando se estaba a falar só das materias troncais, que non existen nin en Primaria nin en Secundaria; "erixir as nais e pais en persoas privilexiadas á hora de determinar a política lingüística do país- por que non un referendo para toda a sociedade?, falta de transparencia en todo o proceso – que garantía temos sobre a fiabilidade destes datos?".
Con todo, e aínda no estremo de aceptárense os datos, sinalan que mesmo así, e tendo en conta o contexto mediático no que se desenvolveu a consulta, as cifras amosan que a maioría das persoas que participaron "queren que o noso alumnado teña competencia lingüística en galego". Ademais, demostra que segue a existir unha importante porcentaxe, malia que minoritaria, "que non desbotou os prexuízos contra o galego". Por este motivo, subliñan, de tomarse como referencia a peneira feita pública este venres, o único que quedaría demostrado é que a lingua que necesita de "protección" e de "promoción" é a lingua galega.