Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nova xeira para PSdeG e BNG, fóra da Xunta

Toca remar

A Festa dos Socialistas de Galicia e o Consello Nacional do Bloque, este sábado, inauguran oficialmente o curso político para os partidos da oposición no Parlamento.

Redacción - 12:00 12/09/2009

Para Partido Socialista e Bloque Nacionalista comeza este sábado unha nova xeira. Uns e outros inauguran oficialmente o curso político, o primeiro após catro anos no Goberno, cun obxectivo claro en ambos os dous casos: transmitirlle á sociedade que son unha alternativa real ao PPdeG. Un traballo arduo, que a sociedade xa poderá examinar en pouco máis de ano e medio, nas eleccións municipais de 2011.

Porén, tanto PSdeG como BNG afróntano con optimismo. Os primeiros celebran en Vilagarcía de Arousa a novena edición da Festa dos Socialistas, coa esperanza de reunir arredor de cinco mil simpatizantes. Os segundos, en Consello Nacional, fan balance do nivel de execución da estratexia política aprobada o pasado 4 de xullo, na última xuntanza dos cen membros que compoñen o máximo órgano de decisión entre asembleas.

En declaracións a Europa Press, a secretaria de Organización da formación nacionalista, Montserrat Prado, lembrou que un dos principais cabalos de batalla que se propuxeron naquela xuntanza foi o de "implicar máis a militancia e ampliar as bases". Cómpre para isto, sinalou, un "BNG máis vivo" e co fin último de "mellorar a calidade de vida dos galegos".

Respecto ao Executivo que preside Alberto Núñez Feijoo, a dirixente considerou que "está a mostrar a súa auténtica cara de goberno antisocial", e neste senso, avanzou que afondarán na súa oposición ás políticas "contrarias aos servizos sociais", "antigalegas" ou de "indefinición" sobre o futuro das caixas de aforro logo da aprobación do Fondo de Reestruturación Bancaria Ordinaria (FROB).

Varios ministros en Vilagarcía

Pola súa banda, varios convidados chegados desde Madrid -entre outros, a secretaria de Organización do PSOE, Leire Pajín, o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, ou a ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño, Elena Espinosa- participarán na Festa dos Socialistas de Galicia no recinto feiral Fexdega da localidade arousá.

O acto -en que participarán as Xuventudes Socialistas e a UXT- será político, "pero tamén lúdico", tal e como destacou o secretario provincial do PSdeG en Pontevedra, Modesto Pose, que celebrou que este sábado se reúnan "militantes e simpatizantes socialistas de todos os pobos de Galiza", informa Europa Press, para "pasar un bo día" e "compartir mesa cuns bos produtos da terra".

A razón desta xuntanza popular anual, confesou Pose, sérvelles tamén para "recoller o sentir da militancia" ante o novo curso político, o que lle permitirá ao partido "retomar o traballo que dende hai 130 anos leva adiante en defensa da cidadanía, da igualdade e do benestar".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: