Adicará 331 mil euros a fomentar o ensino da nosa lingua nas distintas universidades do mundo.
Os centros de estudos galegos nas universidades de fóra de Galiza recibirán un total de 331 mil euros para darlle "un novo pulo", segundo adiantou a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O obxectivo é promover o ensino da lingua e da cultura galega en distintos centros universitarios do mundo, para o que se renovarán os convenios de colaboración que permiten contar cunha rede de lectorados no exterior.
Dende Türbingen até Lisboa
A previsión é que se asinen estes convenios coas universidades de Barcelona, Tübingen, Bahía, Wales, Oxford ou Lisboa. Deste xeito, as universidades ofertarán a aprendizaxe de materias de lingua e cultura galegas ao alumnado e organizarán actividades que permitan dar a coñecer nos diferentes países de acollida a lingua e a cultura galegas.
Asemade, fomentarase o desenvolvemento de traballos de investigación sobre o galego e achegarase material bibliográfico aos diferentes centros.
Novos lectores e maior eficiencia do sistema
Política Lingüística tamén informa que na vindeira semana se resolverá o proceso mediante o cal se procederá á escolla dos novos lectores de galego no estranxeiro. Tanto a Secretaría Xeral como a Consellaría de Educación desenvolveron nos pasados días o proceso de selección para dotar de lectores de lingua galega a estas universidades coas que se renovarán os convenios.
O obxectivo que se marca este departamento, dirixido por Anxo Lorenzo, é poñer en marcha unha "rede de lectorados, que permita favorecer a actuación coordinada das actividades no exterior". O propósito é que a xestión dos recursos sexa "máis eficiente" e poida así "multiplicarse a visibilidade e o interese pola nosa lingua".
Relacionadas: