O colectivo ecoloxista Verdegaia presenta un recurso de alzada contra a resolución da Consellaría de Industria que autoriza o proxecto de Gas Natural.
Malia as reiteradas denuncias sobre o incumprimento dos necesarios requisitos legais, o proxecto de construción dunha planta de gas licuado en Ribeira segue adiante. Contempla a instalación desta nova infraestrutura no monte de San Alberte, ao carón do polígono industrial de Xarás, co obxectivo de levar o gas a Ribeira dende Mugardos (Reganosa), mentres non estea operativo o gasoduto do Barbanza.
O colectivo ecoloxista Verdegaia presentou un recurso de alzada contra a resolución da Consellaría de Industria que dá autorización previa a esta planta satélite regasificadora de Gas Natural, alegando un longo listado de irregularidades, que comezan no incumprimento dos prazos legais, a súa perigosidade, a contaminación ou a falla dun necesario estudo de impacto ambiental.
Incumprimento dos prazos
Para comezar, a instalación desta planta farase no terreo municipal do Monte de San Alberte, nunha parecela que ten a clasificación de chan rústico de protección forestal, polo tanto, terreos veciñais e non urbanizábeis.
Ademais, Verdegaia denuncia o procedemento mediante o cal o concello lle alugou ese terreo a Gas Galicia, cando a instalación dunha planta de gas natural licuado non estaba autorizada polo DOG. É máis, a solicitude da planta someteuse a información pública en outubro do ano pasado, de xeito que pasaron seis meses (o prazo legalmente estabelecido) sen que se ditase unha resolución expresa, polo que tería de darse por desestimada.
A maiores, a comezos do mes de agosto, a Consellaría de Industria deu a súa autorización administrativa previa á planta de Ribeira (desoíndo as alegacións presentadas por Verdegaia sobre a falta de seguranza do proxecto ou a súa baixa sustentabilidade ambiental), mais instou ao concello a que avaliase o seu impacto. Até o de agora, ningún estudo se ten feito sobre este particular.
Incidencia ambiental
O previsíbel trasfego diario de camións-tanque de 21 toneladas de gas natural licuefacto supón, segundo alertan os ecoloxistas, "un perigo directo para máis de 12 mil persoas que habitan a menos de 500 metros da rota que separa Mugardos (Reganosa) de Ribeira", uns 156 quilómetros. Na aprobación "non se avalía o risco de transporte", insiste Verdegaia, "e non se teñen en conta accidentes como o de transporte de gas combustíbel como os acontecidos hai uns meses en Viareggio (Italia), no que morreron 28 persoas, ou en 202 en Tivissa (Cataluña)".
Ademais, estas plantas contaminan polo propio gas que queiman para regasificar, unha cuestión da que alertan tamén os ecoloxistas: "o gas natural así, xa non é unha enerxía limpa".
Perigosidade pública
A estes riscos súmanse outras eivas na seguranza do proxecto: "hai que subliñar que un deseño baixo en postos de traballo, é dicir, trátase dunha planta de gas telexestionada, sen persoas para atendela presencialmente".
Ademais, "non inclúe sistemas de control redundantes, nin de alimentación eléctrica, nin de comunicación para as emerxencias". Segundo explica Verdegaia, o plano de emerxencias "semella estar feito para unha planta con persoal permanente, cunha longa lista de posíbeis incidencias, e dando instrucións de accións manuais para aplicar de contado que ninguén vai poder acometer".