Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Logo de Oleiros, Compostela e Sigüeiro

"Unha carreira pola supervivencia"

Desde esta quinta feira até o 25 de outubro expóñense Sala de Exposicións da Deputación de Lugo máis de 60 obras a prol da protección do lobo.

Redacción - 17:45 08/10/2009

"Unha alegación en favor da conservación do lobo e dos seus hábitats ante as moitas e potentes ameazas ás que está sometido pola acción humana". Con este obxectivo, xunto co de achegar a figura do animal ás persoas, "como elemento da nosa cultura, do noso imaxinario, da nosa paisaxe e da nosa diversidade natural co que hai que convivir" elaborouse a exposición O lobo. Unha carreira pola supervivencia.

Logo de pasar por Oleiros, Compostela e Sigüeiro, a mostra que se compón de máis de 60 obras pictóricas, literarias, fotográficas e audiovisuais de outros tantos artistas galegos e portugueses, chega a Lugo. O acto de inauguración está previsto para esta quinta feira ás 20.00 horas, na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo. Alí permanecerá até o 25 de outubro, e poderá ser visitada de balde en horario de 10.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas.

Ademais, tamén se contempla a realización de visitas guiadas e charlas para grupos de alumnos dos centros de ensino de toda as comarcas luguesas. Pedro Alonso, membro do colectivo ERVA e gran coñecedor da especie e dos seus costumes, será o encargado de impartir as palestras, que están programadas para participaren activamente as crianzas. Os centros que queiran participar poden chamar aos números de teléfono 982240299 ou 659683384.

Xornadas de Literatura de Tradición Oral
Precisamente ERVA, xunto con Adega e coa Asociação de Amizade das Artes Galego Portuguesa (AAAGP), son os organizadores da exposición que en Lugo conta coa colaboración do Museo Provincial e da Vicepresidencia da Deputación. No acto de inauguración participarán o seu titular, Antón Bao, e Antonio Veiga, delegado da Área de Cultura e Deportes e da Rede Museística Provincial.

Por outra banda, ligadas coa exposición, a Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acollerá as II Xornadas de Literatura de Tradición Oral: O mito que fascina. Do lobo ao lobishome, os días 16 e 17 de outubro, organizadas pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).


Ligazóns

5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: