Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Triunfa o anime

O mellor filme de animación da historia é xaponés

'Tonari no Totoro' encabeza a lista das 50 mellores películas animadas, publicada pola revista Time Out.

Redacción - 11:45 12/10/2009

No Xapón rural dos anos 50, unha nena de catro anos busca a Totoro, o rei dos espíritos do bosque. Ese é o argumento d'Tonari no Totoro (“O meu veciño Totoro”), un filme de 1988 do mestre da animación xaponesa Hayao Miyazaki. A revista Time Out escolleuno como a mellor longametraxe de animación da historia, encabezando unha listaxe de 50 títulos na que as películas estadounidenses comparten protagonismo coas xaponesas e cun feixe de filmes franceses e británicos.

Hayao Miyazaki produciu para os estudios Ghibli películas que se converteron en éxitos en todo o mundo. Ademais d'Tonari no Totoro, outras tres figuran na listaxe de mellores da historia: Sen to Chihiro no Kamikakushi ("A viaxe de Chihiro", sexta na listaxe), Mononoke Hime ("A princesa Mononoke") e Kurenai no buta (estreada no resto do mundo como "Porco Rosso"). O cine xaponés está representado con varios títulos máis, entre os que destacan Hotaru no Haka ("Cemiterio dos vagalumes") ou Akira.

O segundo posto ocúpao un clásico de Disney, Snow White and the Seven Dwarfs ("Branca de Neve e os sete ananos"). A factoría é a que suma máis títulos entre os mellores da historia: os clásicos Fantasía (no cuarto posto), Robin Hood, Bambi, Dumbo, The Jungle Book ("O libro da selva") e Pinocchio atópanse entre os primeiros. A terceira praza do podio é para The Bugs Bunny/Road Runner Movie, da Warner. A primeira peli de Pixar na listaxe é Toy Story, no quinto posto.

Xunto ao anime e as grandes produtoras estadounidenses, na lista aparecen animacións de culto e incursións da cultura pop no cine. É o caso de Yellow Submarine, cos Beatles animados como protagonistas, as aventuras cinematográficas de South Park e Beavis and Butt-head, ou a estética arriscada d'O conto do soldado ou das francesas Gandahar e Les triplettes de Belleville ("As bicicletas de Belleville").

Os peores filmes da década
Atacando outro rexistro, a web de crítica cinematográfica Rotten Tomatoes, escolleu as cen peores películas da década. O cine de EUA acapara todos os postos de honra da clasificación. A primeira é Ballistic: Ecks vs Sever, con Antonio Banderas como protagonista e definido como “un filme alarmantemente inepto”. A fita de terror One Missed Call ("Chamada perdida") está na segunda praza, e a terceira da lista é a versión supostamente conmovedora que Roberto Bellini fixo do clásico Pinocchio.


Ligazóns

4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Escena de "Tonari no Totoro"

Escena de "Snow White and the Seven Dwarfs"

Trailer de "Les triplettes de Belleville"

Trailer de "Ballistic: Ecks vs Sever"

Imaxe do filme "Tonari no Totoro"
Imaxe do filme "Tonari no Totoro"