Representantes de 40 concellos do noroeste do país reúnense en Mariñán no 'III Encontro de política lingüística desde as administracións locais'.
Arredor de 80 persoas, entre alcaldes, concelleiros e técnicos de normalización lingüística, en representación duns 40 municipios do noroeste do país, reúnense esta cuarta feira no Pazo de Mariñán (Bergondo, A Coruña) para participar no 'III Encontro de política lingüística desde as administracións locais'.
A xuntanza, que se desenvolve por terceiro ano consecutivo, está promovida pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e organizada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). O presidente desta, Nel Vidal, e o deputado Xoán Manuel Sande Muñiz, foron os encargados de presentar a xornada.
Sande salientou as "conclusións positivas" dos encontros anteriores, e afirmou que un dos principais obxectivos do deste ano é permitirlles aos distintos responsábeis políticos e técnicos das administracións locais "pór en común o seu traballo", compartindo as experiencias desenvolvidas nalgúns concellos, así como "analizar novas posibilidades de accións conxuntas".
Vidal destacou a importancia do proceso de normalización lingüística "que debe ser protagonizado pola cidadanía e apoiado e promovido polas administracións públicas", e destas "as locais xogan un papel fundamental pola súa proximidade coa cidadanía", dixo. Ademais, sinalou que "co apoio da Deputación da Coruña, creáronse medio cento de servizos de normalización lingüística" en 50 dos 94 concellos sobre os que actúa. Agora "cómpre intensificar e fortalecer o seu traballo e a súa visibilidade social".
Vidal e Sande, que ademais é responsábel da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística do ente provincial, inaugurarán o encontro as 10.15 horas. Ás 10.30, os alcaldes de Bergantiños, Xosé Muiño (PPdeG); de Monfero, Andrés Feal (PSdeG); e de Vilasantar, Manuela García (BNG), debaterán sobre o que cómpre facer polo galego nos concellos rurais con maioría galegofalante. Moderará o decano do Colexio de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro.
A continuación, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Anxo Lorenzo, falará sobre a rede de dinamización lingüística e, posteriormente, analizaranse as posibilidades de desenvolvemento conxunto de accións neste ámbito entre a Deputación da Coruña e os concellos da súa competencia.
Peche con humor
Xa pola tarde, ás 16.30 horas, o ex alcalde de Compostela, Xerardo Estévez, e o ex conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Barreiro Rivas, falarán sobre a Declaración de Alcaldes de Compostela de 1984, que acaba de cumprir 25 anos, e o coordinador do aprobado por unanimidade proxecto de planificación lingüística do Concello de Burela, Bernardo Penabade, exporá o programa posto en marcha neste municipio da Mariña Central.
A xornada rematará cun resumo humorístico do tratado no encontro, que comezará ás 18.30 horas, a cargo do actor Carlos Blanco.