Recollemos as impresións dalgúns dos protagonistas deste encontro que reivindicou a oficialidade da selección galega.
"Pregúntasme por que veño hoxe a Santa Isabel? A pregunta é por que non está aquí o resto do país!" Así manifestaba o seu orgullo irmandiño un seareiro ante a cámara de Vieiros. Na mesma liña, Antón Reixa, encargado de dar lectura a un dos manifestos previos ao encontro asegúranos que "só unha visión estreita e supersticiosa do centralismo español pode explicar esta carencia de apoio oficial".
A quen pode molestar que Galiza conte cunha selección? Pregúntase Verónica Boquete, capitá nos últimos anos do equipo feminino que nesta edición non puido tomar parte no partido por falta de permiso do seu club, o Espanyol. "A selección xa a temos", di outro afeccionado, "é esta que vimos ver hoxe". "Saímos ao campo co orgullo de vestir a nosa camisola", subliña Pilar Neira, seleccionadora da Irmandiña xunto con Fernando Vázquez. Velaquí as impresións e as imaxes na previa dun partido que, malia carecer do apoio institucional, reivindicou a dignidade nacional dun pobo que exixe a oficialidade da súa selección.