O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte convoca un certame para lembrar a importancia deste espazo natural.
O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte vén de convocar un certame de poesía que aínda que comeza a dar os primeiros pasos é ben simbólico, xa que está dedicado aos Penedos de Pasarela e Traba. Un ano despois de que a Xunta protexese un espazo natural ameazado por unha graniteira, os promotores do concurso literario queren que sirva para lembrar a importancia da súa conservación.
Os Penedos de Pasarela e Traba serviron para inspirar a escritores como Eduardo Pondal, Evaristo Martelo Paumán, Otero Pedrayo ou, máis recentemente, a Manuel Rivas. Ahora o seminario de estudos quere que o lume siga aceso.
A organización establece tres categorías: até 12 anos; entre 13 e 16 anos; e unha última para os maiores desta idade. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos e terán como temática os Penedos de Pasarela e Traba. Non hai límite de extensión, aínda que se recomenda que non supere os 200 versos.
Para as dúas primeiras categorías establécense premios dotados de libros e xoguetes. Para o caso dos maiores de 16 anos, o primeiro galardón serán 600 euros en metálico. Os interesados en participar deben enviar os seus traballos grampados por triplicado (baixo lema) ao seguinte enderezo antes do 10 de abril:
Seminario de Estudos Comarcais, Praza Roxa, 5 Baixo. CP 15129 (Vimianzo)