Un colectivo pretende recuperar un equipo propio deste xogo, que tivo a súa época dourada na década dos 80.
Foto: Subbuteo Galicia
Hai outra selección galega de fútbol da que non se fala tanto. É a selección de fútbol de mesa, tamén coñecido como 'subbuteo', un xogo que se practica con futbolistas en miniatura sobre un taboleiro e que, de seguro, moitas persoas lembran.
Toda a actividade do fútbol de mesa galego centralízase arredor do blog Subbuteo Galicia, que pretende fomentar o deporte no país e representalo dentro da Asociación de Fútbol de Mesa (AFM) a nivel estatal. De feito, xa existiu un club galego desta categoría, o Folerpa da Coruña, fundado en 1982.
O xogador galego máis nomeado na bitácora é Santi R: Escudero, que forma parte do equipo valenciano AFT Turia 1981. Este xogo, do mesmo xeito có fútbol tradicional, conta coas súas ligas e competicións. Ten a súa propia federación internacional, que marca as súas regras de xogo e o seu nome oficial, fútbol de mesa, pois Subbuteo é unha marca comercial do xogo e a denominación máis estendida en moitos países.