No barco faenaban outros sete tripulantes. Os oito foron rescatados por un outro pesqueiro mais o primeiro, o engraxador do buque, non sobreviviu.
Un mariñeiro faleceu este luns a primeira hora da tarde no afundimento dun buque que se produciu a unhas 20 millas ao norte de Burela. No sinistro víronse afectados os outros sete tripulantes da nave, que foron rescatados da auga por outro pesqueiro.
Segundo informaron a Europa Press fontes de Salvamento Marítimo e 112-Galicia, o accidente sucedeu contra as 15.30 horas, cando o barco Ficha Segundo, con base en Ribeira, envorcou por causas que aínda se descoñecen.
Os oito tripulantes da embarcación foron rescatados entón por outra nave, o Marpar II, seis ilesos e dous con síntomas de hipotermia. Os mariñeiros máis graves foron trasladados polo helicóptero Pesca II ao Hospital de Burela, aínda que finalmente un destes faleceu.
O mariñeiro falecido no naufraxio era o engraxador do arrastreiro con base en Ribeira, F.J.G.P., de 40 anos e natural desta vila. O alcalde, Xosé Luís Torres Colomer, ratificou que "todos" os tripulantes son do municipio, agás un de orixe sudamericana.