Así o subliñou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, na presentación do primeiro evento no centenario de Luís Seoane.
A súa "capacidade de diálogo coa cultura galega" e a súa "integración na cultura universal" foron cualidades salientadas polo presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, na presentación do congreso internacional Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía. A sede do Consello compartirá coa Fundación Seoane a celebración desta cita entre 6 e o 8 de abril. "Un dos aspectos novidosos do congreso é analizar como mudou a obra de Seoane a imaxe estética de Galiza", indicou Villares.
"O congreso é un diálogo entre a educación galega de Seoane, a instalación en Arxentina e o retorno desa educación a Galiza", explicou o historiador, lembrando que durante o seu periodo arxentino, Seoane "sempre falou de retorno, de devolución a Galiza do que Galiza lle deu". Para analizar a poliédrica figura do artista, alternaranse conferencias de expertos arxentinos e galegos que vincularán esa idea de retorno e tentarán ubicar a Seoane no contexto da cultura arxentina da época e comprender o seu papel na cultura galega do século XX.
Na presentación tamén estiveron presentes Alberto Ruiz de Samaniego, director da Fundación Luís Seoane e Xosé Díaz, secretario da Fundación e membro do comité organizador. Samaniego aproveitou para presentar os contidos da exposición que se inaugurará na sede da Fundación Luís Seoane, na Coruña, o último día do congreso (9 de abril) e que permanecerá aberta ata xullo. Unha retrospectiva "pensada como unha relectura das moitas posíbeis" orientada a dar visibilidade a uns fondos propios, os da Fundación, "realmente complexos", asegurou. Artellada arredor das preocupacións estéticas e intelectuais de Seoane, a exposición guíase en sete bloques: a paisaxe, as ensoñacións, o bestiario, a literatura, trazos e figuras, guerra e capitalismo e autorretratos.