A asociación aposta por levar o gas natural a través de canalizacións, solución máis segura e respectuosa co ambiente.
Vista aérea de Ribeira
Verdegaia denunciou posíbeis irregularidades na construción dunha planta satélite de regasificación en Ribeira. O colectivo ecoloxista presentou un recurso de alzada no concello contra o proxecto, previsto no monte de San Alberte.
A asociación xa participara, como parte interesada, cun escrito de alegacións no período de información pública de avaliación da incidencia ambiental. Nel advertía da improcedencia de situar a planta nun terreo público de protección forestal. Malia que a lei non o permite, o aparellador municipal e a Dirección Xeral de Industria emitiron informes favorábeis á planta de gas.
Segundo Verdegaia, o informe do aparellador baseouse nun plano sen visado colexial, polo que non entende como se lle deu o visto e prace sen que Gas Natural expuxese a demarcación entre a zona forestal e a do polígono industrial.
Finalmente, grazas ás alegacións, o emprazamento da planta regasificadora foi modificado, pero moito tempo despois de rematada a avaliación de impacto ambiental, sen que a cidadanía de Ribeira puidese participar. Ademais, a planta xustificouse provisionalmente até que se desenvolva un gasoduto proxectado. A empresa do gas é quen decide esa provisionalidade, apostando por unha solución moito máis contaminante pero máis barata, segundo Verdegaia, que lle nega á comarca do Barbanza o investimento en accesos á rede de gasodutos.
Prefire o gasoduto
Verdegaia avoga por un uso eficiente da enerxía e das alternativas renovábeis, aínda que considera acertado optar polo gas fronte a outras fontes fósiles, por ser unha das máis limpas. Por iso, reclama que o gas chegue a Ribeira a través dun gasoduto que cumpra con todos os requisitos ambientais.
O colectivo asegura que a planta proxectada pon en perigo miles de persoas que viven nos lugares próximos ás vías de transporte do gas licuado, que debe chegar dende a terminal de Reganosa en Mugardos. Ademais, o proxecto contempla que a planta se xestione a distancia e non conte con sistemas de control, comunicación ou electricidade redundantes.