Esta sexta feira fumos onde o profesor Bernardo Penabade, que desde o Instituto O Perdouro da vila inspirou o Modelo Burela de Planificación Lingüística.
Fixemos noite en Viveiro. Pasado Vilarrube, en Valdoviño e no corazón da Ria de Cedeira, saudamos o océano desde o cantil galego-europeu da Vixía Herbeira e do Cabo Ortegal dos Aguillóns, encarando Cariño, Ortigueira, O Barqueiro e Vicedo. En Viveiro atopamos o xa antigo e desgraciado urbanismo que rodea o fermoso areal de Covas, mais tamén o espléndido esteiro do Landro, frente as galerías do paseo. No interior da vila vella, con todos os edificios restaurados e a as rúas cheas de vida, faise presente unha modernización que está igualmente no porto pesqueiro de Celeiro (agora xa non Cillero), unha demonstración viva das novas realidades da economía do noso país. En camiño de novo, en Xove conviven o Faro das laxes da Roncadoira e o íntimo esteiro de Portocelo coas factorías de Alcoa e o grande porto de San Cibrao. Chegados a Burela a repentina prosperidade das décadas pasadas, extraida nas arriscadas marés do Atlántico, deu nun urbanismo desordenado, que agora pode ser desmentido polo longo paseo aberto ao ancho mar, indo cara San Cibrao. A pesca, a industria e a madeira explican a mudanza que se producíu na privilexiada Mariña lucense.
O presente sería outro de terse instalado en Xove a meados dos anos setenta a central nuclear que pretendía Fenosa. O centro da Mariña Lucense estaría desertizado. Viveiro arruinada. Xove e Burela non existirían tal como hoxe son. Se a central nuclear non se instalou foi porque a ANPG, con outros grupos conscientes, empreendeu unha campaña defendida en toda Galiza e abandeirada alí por Pencha Santasmarinas (a mesma Pencha que organizaría e dignificaría o traballo das sete mil mariscadoras nos areais da nosa costa). A longa e nutrida marcha a pé entre Viveiro e Xove foi a expresión pública dun proxecto nacional no momento crítico da transición desde a Ditadura.
Poucos anos depois, na primeira lexislatura, o Parlamento de Galiza declarou ao galego como língua oficial. Tendo pasado case trinta anos, depois de a sociedade galega ter mantido a lingua propria contra vento e maré durante cinco séculos, enfrentados como estamos á ausencia dunha entidade estatal propria, a visión de futuro de persoas como Bernardo resulta especialmente precisa. Co concurso dos seus compañeiros, profesores e alunos do Instituto, e co apoio expreso do PSOE e BNG governantes no Concello de Burela, como tamén do PP, neste momento na bancada da oposición, a planificación lingüística estabelecida no Concello ten un carácter exemplar.
En Burela todos os nenos falan galego. Fano os fillos dos habitantes de sempre e tamén os meniños cabo-verdianos e os rapaces e raparigas peruanos, asturianos, vallisoletanos e doutras partes que chegaron para traballar no mar, na industria ou nos servizos. Os que arribaron integráronse na fala galega coa mesma naturalidade con que o farían no francés ou no castelán de viveren en Paris ou en Madrid. Mais hai excepcións: algúns dos que procedían de certas cidades galegas tenderon a manter a diferenza que aprenderan, usando o castelán e virándolle as costas aos seus amigos galego falantes. Estes dominan dúas linguas e os outros, culturalmente empobrecidos, apenas unha.
Coa lingua galega como fundamento, o Modelo Burela de Planificación Lingüística integra positivamente o coñecimento de outras linguas, neste caso do castelán e o inglés, vistas como un enriquecimento cultural e profisional. Coa consciencia de o galego falado por todos na familia e na escola estar ausente noutros ámbitos e na escrita, a planificación asumida polo Concello procura extender o seu uso en todas as demais entidades (administracións, igrexa, empresas, policía…) e nos actos sociais. (Todo ben lonxe da aculturación procurada polos que se negan a falar en galego, chegando a esgrimir argumentos peregrinos como o da necesidade de utilizar o dicionario para axudar aos fillos no deberes en galego, reservando esta denuncia para a lingua do seu país, sen coidaren en que igual ou maior ignorancia poden tela a respeito dos deberes de inglés ou de matemáticas e mesmo, posibelmente, en castelán. Vítimas dun prexuizo empobrecedor non coidan nen siquer nas bondades do coñecimento da língua dos seus ascendentes).
O documental sobre o Modelo Burela, baseado no traballo de Bernardo Penabade, dirixido por Matías Nicieza e apresentado polo Instituto O Perdouro e o Concello de Burela, non ten perda. Convén difundilo en toda Galiza, para continuar o camiño empreendido contra a desertización.
Voltando por O Barqueiro e a ribeira do Sor cara As Pontes e Pontedeume, desde a Serra Faladoira enxérganse montes e moreas de parques eólicos. Entre os que existen hoxe e os que foron aprobados no concurso recente, a potencia eléctrica desta orixe instalada en Galiza será dez veces superior á pretendida coa central nuclear de Xove. E Burela está aí.
Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.