Volve, con frenética actividade, a LNB. O domingo: cuarto asalto da Conferencia NorOeste e Torneo Aberto do Lacón en Cervo (A Mariña).
Frenética actividade de novo nesta fin de semana na Liga Nacional de Billarda. Por iso, dende a organización da LNB tiveron que botar man, outra vez, dese mito do xornalismo galego: Palanotrönic, o único ciborg correspondente do deporte do país.
Desta volta, Palanotrönic vén cando aínda resoa o estalo do poderoso single de Mafia Gallega ("be, i, ele, ele, a, erre, de, a!"), para informar dun novo asalto na Conferencia NorOeste da LNB e do Torneo do Lacón, que se ha desenvolver o domingo no Concello de Cervo (A Mariña).
O xa clásico Torneo Aberto do lacón prevese "absolutamente multitudinario", posto que xa teñen anunciada a súa participación unha numerosa delegación da Conferencia Sur, que realizarán nel o seu bautismo de palán.
Tamén vai haber billarda na Conferencia NorOeste, onde dominan a clasificación individual e por equipos os Xarutos (na imaxe) É o cuarto asalto, no que os Filloas de Sangue han sufrir a baixa do internacional galego David Fontán, que vai estar realizando funcións de talonador, defendendo as cores da selección galega de rugbi en Andalucía.
A cousa vai como segue para este domingo:
16:00 horas: Comezo do Torneo Aberto do Lacón, no Pavillón de Deportes de Cervo (A Mariña).
17:00 horas: Inicio do 4º asalto da Liga Regular, na Pista da Zapateira (A Coruña).
Pero se non vos quedou claro, velaquí vén Palanotrönic contalo todo, coa súa voz metálica: