Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na Mariña

Veciños de San Cibrao e Adega presentan un recurso para que non se destrúa un castro

Queren que se revisen tres licenzas urbanísticas que permitirían construír un edificio na zona onde se atopa o xacemento, de case 2.000 m2, a carón do faro desta vila mariñá.

Redacción - 09:30 30/07/2008
Na conferencia, Manuel Miranda, da Mariña Patrimonio, e Adela Figueroa e Daniel López, de Adega

Na conferencia, Manuel Miranda, da Mariña Patrimonio, e Adela Figueroa e Daniel López, de Adega

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) e a Asociación para a Defensa do Patrimonio da Mariña (Mariña Patrimonio) fixeron, conxuntamente, na Galería Sargadelos de Lugo, unha conferencia de prensa na que anunciaron que van presentar un recurso contra as últimas tres licenzas urbanísticas que o Concello de Cervo (A Mariña) concedeu a unha promotora para edificar sobre o castro da Atalaia, na vila de San Cibrao.

Estas licenzas xa foran denunciadas ante a Delegación de Cultura en Lugo no momento de iniciarse as obras, o que deu lugar a unha orde de paralización que o Concello de Cervo tardou catro días en comunicar ao construtor. Cando por fin o fixo, a metade do castro estaba xa esbandallada, e deitada nunha entulleira do veciño Concello de Xove. Por mor disto, o concello cervense foi denunciado por Patrimonio, e abríronse dilixencias no Xulgado de Viveiro.

Un gran castro, habitado até moito despois da ocupación romana
Mais agora chega este novo recurso que, segundo Adega, quere "salvar e poñer en valor todo o conxunto do xacemento arqueolóxico" de San Cibrao, posto que ten un enorme interese, dende o punto de vista histórico, arqueolóxico e mesmo social.

Trátase, segundo explicaron a presidenta da asociación, Adela Figueroa, e o seu vicepresidente, Daniel López, dun castro de litoral moi amplo (de perto de 2.000 m2, ocupando case toda a illa da Atalaia), da época prerromana, máis que se prolongou até moito despois da estadía dos romanos en Galiza, de xeito intenso, cousa que se aprecia no abundante material arqueolóxico e nas estruturas ben conservadas. Ademais, para a asociación ecoloxista, o castro é relevante mesmo pola cuberta de area que o sepultaba, o que lle engade, tamén, "un valor xeolóxico e bioclimático".

No Concello xa sabían da existencia do castro
Ademais, Figueroa e López revelaron que houbo, xa dende a década dos corenta (cando apareceron os primeiros restos arqueolóxicos, con motivo da construción do peirao da vila), noticia de que alí se atopaba un importante xacemento, cousa da que se lembrou o concello cando no verán de 2006 houbo de suspender a construción dun observatorio de aves pola aparición dun cuncheiro da época castrexa. Tamén se lembrou, na conferencia, que durante a primeira escavación, cando apareceron os primeiros restos, "calquera profano era quen de ver que se trataba de restos arqueolóxicos", mais, a pesar de todo isto, o Concello de Cervo concedeu as licenzas á construtora, de xeito ilegal, segundo Adega e a Asociación para a Defensa do Patrimonio da Mariña.

Para as dúas asociacións, a construción dos edificios proxectados debe ser paralizada pola mesmo goberno municipal, "sen o teñan que facer os tribunais de Xustiza e, a partir de aquí, concello e demais institucións implicadas (incluída Costas do Estado) deberían pórse de acordo para salvar e poñer en valor o que aínda queda por destruír", concluíron.


Ligazóns

5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A situación do Concello de Cervo no mapa de Galiza
A situación do Concello de Cervo no mapa de Galiza
Imaxes do xacemento escavado / Fonte: Adega
Imaxes do xacemento escavado / Fonte: Adega
Unha mostra da zona destruída feita por Adega (clicando na imaxe amplíase)
Unha mostra da zona destruída feita por Adega (clicando na imaxe amplíase)
A zona na que se atopa o castro / Imaxe tirada da web da promotora, onde anuncian os novos edificios
A zona na que se atopa o castro / Imaxe tirada da web da promotora, onde anuncian os novos edificios