Os representantes socialistas quéixanse da falta de tempo. Feijoo pide prudencia co "maior movemento de diñeiro dos últimos anos".
"Demasiada información para analizar con rigor os criterios de avaliación en tan pouco tempo". Ese é o argumento exposto este luns polos representantes das consellarías de Medio Ambiente e e Política Territorial, xestionadas polo PSdeG, para abandonar a comisión de valoración do concurso eólico. Láianse os socialistas de que aos técnicos de Industria levoulles meses "e non chegaron en prazo", e agora a consellaría pretendería ofrecerlles apenas unha tarde para revisar a baremación de cada un dos 170 proxectos que optan ao concurso.
O prazo de resolución, prorrogado até esta semana con data límite para o próximo venres 26, tiña cita este mesmo luns para a xuntanza da comisión de valoración, nunha soa reunión e sen límite horario marcado. Ao fío, o conselleiro de Traballo e vicesecretario xeral do PsdeG, Ricardo Varela, opinou nesta mesma xornada que a ausencia dos socialistas se debería "á falta de información suficiente".
"O importante é o listado final", di Blanco
"Un sempre prefire unanimidades, pero non lle imos dicir a ningún dos membros que ou como ten que votar", analizou ao respecto o conselleiro de Industria. "O que teñen é que traballar para buscar unha proposta, que será a que leven", engadiu Fernando Blanco preguntado ao respecto.
A beira do BNG no Goberno xa contaba con maioría na comisión de valoración, con ampla representación para o departamento de Industria e voz tamén para Medio Rural, polo que se agarda que o proxecto saia con beizón unánime despois da saída dos socialistas do proceso. Nese sentido, Blanco insistiu en que esta semana estará sobre a mesa a resolución definitiva que adxudica os 2.325 megavatios do concurso eólico. "O substantivo é que esta comisión traballe para facer o listado final en función da valoración de cada proxecto para que presenten a resolución que se asinará a posteriori", puntualizou o conselleiro.
"Poxa trucada", acusa o PP
"Ante o movemento inxente de diñeiro do que estamos a falar e ante o feito de que incluso dentro do bipartito hai disputas e discrepancias, o lóxico é suspender o concurso para dar prudencia e seguridade ás adxudicacións", aproveitou para expoñer o PP este luns.
Ao respecto da que cualificou de "maior movemento de cartos" en Galiza nos últimos anos, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, agoirou que rematará" nos tribunais" e teimou en que o Goberno suspenda o actual proceso de concurso eólico "para garantirlle prudencia e seguridade ás adxudicacións". Na opinión de Feijoo, debera ser o executivo que saia das urnas o próximo mes de marzo o que retome o proceso. Ademais, subliñou Feijoo a necesidade de que se resolva "no Consello da Xunta" e "non por unha consellaría contra as demais".