Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
CLASIFICACIÓN MUNDIAL

As administracións chimpan o Estado Español á medalla de prata en software libre

RedHat presenta un mapa interactivo que valora a actividade do código aberto en 75 estados de todo o mundo. A Unión Europea é líder.

Redacción - 11:35 24/04/2009
Detalle do mapa de actividade

Detalle do mapa de actividade

Un mapa interactivo elaborado polo xigante do software libre RedHat amosa que o Estado Español é o segundo do mundo en actividade do código aberto, despois do francés. Esa posición débese, ademais ao papel das administracións públicas, que ocupan tamén o posto número dous.

Non son tan positivos, aínda que son aceptábeis, os lugares que ocupan a comunidade e a industria de software libre do Estado Español, que son décima e 22ª, respectivamente. Nestes eidos lideran dous países do norte de Europa: Estonia, a primeira en comunidade de código aberto, e Finlandia, co primeiro posto en industria.

O mapa contén información sobre 75 estados no mundo e baséase nun informe do Instituto de Tecnoloxía de Xeorxia (EUA). Á hora de situar na lista cada territorio tivéronse en conta factores como as políticas de apoio ao software libre por parte dos gobernos; o número de usuarios de software libre per cápita, no caso da industria, ou outros indicadores como os usuarios de internet per cápita, o número de aplicacións dese estado que participaron no Google summer of code ou a existencia de versións traducidas de GNU/Linux ás linguas propias.

Os datos de posición no 'ránking' pódense consultar clicando en cada estado, que á súa vez aparece coloreado segundo a presenza relativa do software libre no mesmo.

O ambiente non é tan favorábel
Pero a clasificación varía moito se temos en conta se o ambiente do país é favorábel ao software libre. Neste caso, a líder é Suecia, seguida dos Estados Unidos e de Noruega. Nestoutra lista, o Estado Español cae ao posto 20, co goberno, novamente, por diante da comunidade e da industria.


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: