Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Para coñecer as súas "alternativas"

Política Lingüística convida a plataforma 'Queremos galego' a unha xuntanza

"Non temos comunicación formal", asegurou o seu portavoz, Fran Rei, que atribuíu o anuncio ao "éxito da mobilización do domingo".

Redacción - 19:05 20/10/2009
Anxo Lorenzo

Anxo Lorenzo

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, convidou este martes o portavoz de Queremos Galego, Fran Rei, a manter unha reunión para "debater as accións da Xunta" respecto ao galego, aínda que desde a plataforma -que agrupa 500 colectivos de todos os ámbitos sociais- consideran que se trata dun "anuncio mediático", xa que non recibiron "comunicación oficial".

"Non temos comunicación formal", asegurou Rei en declaracións a Europa Press, que xustificou o anuncio ao "éxito da mobilización do domingo". Nun comunicado, Lorenzo manifestou a súa vontade de que o portavoz da plataforma "poida transmitir directamente as accións e medidas do Goberno que, ao entender da súa organización, motivaron a manifestación do pasado domingo".

Neste sentido, Lorenzo pídelle a Queremos galego que presente as súas "alternativas" para que "poidan terse en consideración" por parte da secretaría xeral. Rei recordou que "coñece dabondo" as peticións da plataforma xa que "no pasado tivo reunións con varias organizacións" que se integran na mesma, entre as que mencionou a CIG-Ensino, o STEG ou a Confederación de ANPAs.

A plataforma, "aberta a falar"
Aínda así, o portavoz de Queremos galego asegurou que aceptarán reunirse con Lorenzo "unha vez chegue a comunicación formal" por parte da Xunta. "A vontade da plataforma é estar aberta a falar con todo o mundo, aínda que sexa para discrepar, xa que pensamos que é bo chegar a todos o ámbitos e a todas as instancias e non nos imos negar"

No entanto, asegurou que "non estamos dispostos a que sexa unha manobra de cara á galería, para ofrecer unha especie de sensación de diálogo e consenso falsificada", matizou. Finalmente, Rei avanzou que a plataforma Queremos Galego lle transmitirá o seu desexo de que "rectifique na política lingüística" da actual Xunta que, na súa opinión, "está servindo para contentar os sectores hooligans do PP".


5/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: