Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na Mariña

Atopan petróglifos no Castro de San Cibrao sobre o que pretenden construír

A Asociación Mariña Patrimonio presentou o achado na vila luguesa. Confían en que se considere Ben de Interese Cultural e se anule a licenza que permite edificar na zona.

Redacción - 09:30 07/08/2008
O logo da asociación Mariña Patrimonio

O logo da asociación Mariña Patrimonio

A Asociación Mariña Patrimonio presentou en San Cibrao (Lugo), esta cuarta feira, un novo achado nos arredores do Castro da Atalaia, sobre o que se pretende construír tres edificios, cun total de 100 vivendas. Trátase duns petróglifos atopados nunhas rochas, arredor do castro, que teñen forma de cazoleta, isto é de pequenos furados na pedra situados dunha determinada maneira.

Manuel Miranda, da Mariña Patrimonio, contoulle a Vieiros que os petróglifos foron atopados en catro puntos, fóra da zona de obra. Algúns están moi deteriorados, ben pola erosión do vento mareiro ou ben por causa do lume. Nunha das rochas atopouse unha cazoleta ou buraco dun 10 centímetros, que está arrodeado por outros buracos máis pequenos, duns tres centímetros, facendo unha circunferencia. Miranda dixo que en canto atoparon o achado, a Asociación consultou cinco arqueólogos, algúns deles especilistas neste tipo de arte ruprestre, xa que se podería tratar de buracos naturais na pedra. Porén, todos os especialistas coincidiron en que son auténticos, que fan parte dun petróglifo que pode ser meirande, xa que hai unha parte da zona na que foron achados que aínda está por escavar. Con todo, haberá que agardar a que futuros estudos verifiquen a autenticidade e a magnitude destes restos.

Dende a Mariña Patrimonio dataron o achado de hai uns 6.000 ou 5.000 anos, na Idade do Bronce, e tamén advertiron a promotora e ao Concello de Cervo (onde se atopa a vila de San Cibrao) que de declararse estes petróglifos Ben de Interese Cultural (BIC), todo o xacemento merecería esta denominación, polo que gozaría de máxima protección, o que inclúe que non lle poden construír por riba.

Manuel Miranda salientou, ademais, que, de se confirmar que o atopado son petróglifos, o achado sería "importantísimo, porque serían os primeiros encontrados na Mariña, no norte de Lugo".

Con tal achado, paralizarán a construción das vivendas?
A historia do Castro da Atalaia é abondo triste. Hai décadas que se sabe da súa existencia, pero en moito tempo ninguén se lembrou de poñelo en valor. Hai 40 anos, cando se comezou a construír o peirao, apareceron os primeiros indicios de que debaixo da area había restos da cultura castrexa; e hai dous anos atopouse un importante cuncheiro que sinalaba, aínda con máis forza, que existía un importante xacemento na zona. Porén, o Concello de Cervo ignorouno en 2006, cando concedeu as licenzas de obra.

En xuño de 2007 entraron os primeiros camións da construtora na Atalaia, a pesar de que a Delegación Provincial de Cultura mandara, alertada polos veciños, un aviso para paralizar as obras. O Concello tardou catro días en reaxir, e nese tempo a construtora esbandallara unha parte do castro, que despois verteu nunha entulleira no veciño Concello de Xove.

"As obras destrozaron unha parte importante das seis hectáreas que compoñen a zona explorada", dixo Miranda, quen considera que o tamaño do castro fala da súa importancia: "por exemplo, a coroa do Castro de Viladonga, co importante que é, só mide unha hectárea". Ademais, das tres parcelas da zona na que se pretende construír, fixéronse prospeccións arqueolóxicas, e en dúas delas atopáronse importantes restos. Patrimonio catalogou os restos atopados nunha das parcelas como "notábeis". Os atopados na outra foron cualificados de "sobresaíntes".

"Os muros son altos, nalgúns puntos chegan ao metro e medio, e ao estar o xacemento tapado con area, consérvase mellor", di Manuel Miranda para que se poida apreciar a importancia do castro.

Aínda hai posibilidades de non soterrar o castro baixo un edificio
Agora as obras están paradas. Patrimonio ten abertas dilixencias contra o Concello de Cervo por non paralas a tempo, e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) e 60 veciños de San Cibrao presentaron un recurso no municipio para que non se constrúa sobre o castro.

Segundo Miranda, hai abondas posibilidades de que, finalmente, se pare a destrución do castro: "hai un profundo rexeite social a que se constrúan as casas, e o alcalde -Alfonso Villares, do PPdeG- sábeo, mesmo hai xente que non está de acordo dentro do PP local. Ademais, coa crise económica e da construción, o promotor non está a vender os pisos, e os compradores saben que son ilegais".

Por outro lado, se o Concello non toma a determinación de paralizar as obras, Adega ten pensado acudir aos tribunais, onde terían todas as de gañar, posto que existe un precedente xurídico a poucos quilómetros de San Cibrao. Na vila de Viveiro han ter que tirar uns edificios (do mesmo construtor que os de San Cibrao) porque o Concello deu licenza para os construír sen facer un estudo de detalle. O Tribunal Supremo acaba de dictaminar, nove anos despois, que hai que derrubalos, o que favorecería, ante a Xustiza, as arelas dos veciños de San Cibrao.

A solución, a curto prazo, salienta Manuel Miranda, é que o Concello de Cervo (que foi quen deu as licenzas ilegais) lle pague ao construtor para que marche, e deixe todo como está. "A ver se entre todos o conseguimos", conclúe Miranda.


5/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A vila de San Cibrao e, sinalada cunha seta, a península da Atalaia, onde se atopa o xacemento
A vila de San Cibrao e, sinalada cunha seta, a península da Atalaia, onde se atopa o xacemento
Imaxes da parte escavada do castro da Atalaia
Imaxes da parte escavada do castro da Atalaia
Imaxes dos petróglifos, feitos en rochas de granito, a carón do xacemento onde se pretenden construír os edificios
Imaxes dos petróglifos, feitos en rochas de granito, a carón do xacemento onde se pretenden construír os edificios
A zona onde están os petróglifos está a carón do mar, pegada ao castro e a un cuncheiro da época castrexa
A zona onde están os petróglifos está a carón do mar, pegada ao castro e a un cuncheiro da época castrexa
Unha mostra da zona destruída feita por Adega (clicando na imaxe amplíase)
Unha mostra da zona destruída feita por Adega (clicando na imaxe amplíase)